O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, quixo lembrarlle este venres á veciñanza que dispón dunha Oficina Municipal de Asuntos do Rural, no terceiro andar do Centro de Servizos Administrativos do Concello, no que se ofrece apoio especializado, información e asesoramento no que se refire á solicitude de subvencións, entre outros cuestións.
Nesta liña, Fernández puxo a disposición esta oficina para facilitarlle á cidadanía a cumprimentación das solicitudes das axudas que vén de convocar a administración autonómica para a subministración de auga nas explotacións agrarias, e fixo un chamamento aos veciños e veciñas interesados nas axudas, que necesiten asesoramento para a súa presentación.
“Como institución próxima aos veciños e veciñas, consideramos que a axuda que prestamos nestas instalacións municipais repercutirán no só no beneficio da cidadanía do rural, senón no desenvolvemento de todo municipio”, asegurou o Concelleiro, ao tempo que recordou que “atender á persoa é atender a todos os aspectos da vida dos veciños e veciñas, os protagonistas das nosas accións municipais, neste caso os veciños e veciñas da rural, para os que vimos de aprobar unha bonificación do 95% no IBI das explotacións agrarias e gandeiras”.