Aprobada a convocatoria de 26 prazas de Policía Local para cubrir as xubilacións

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe a ampliación da oferta de emprego público do 2018, que inclúe a convocatoria de 26 prazas de Policía Local para cubrir as xubilacións producidas a día de hoxe ao abeiro do Real Decreto Lei que regula a xubilación anticipada de axentes. Deste xeito, agora pode arrancar a convocatoria para cubrir as prazas, proceso que será axilizado coa aplicación do convenio que delega a selección na Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Das 26 prazas de Policía incluídas na ampliación da OEP de 2018: 14 son de policía (5 en quenda libre, 5 de mobilidade horizontal e 4 de promoción interna para axentes de mobilidade); 6 de oficiais (4 de promoción interna e 2 de mobilidade horizontal); e outras 6 de inspectores (3 de promoción interna e 3 de mobilidade horizontal).

Con estas 26 prazas son 45 as incluídas nas catro ofertas de emprego público en todas as ofertas de emprego do Concello de Lugo (2015, 2016, 2017 e 2018), das cales 14, as de quenda libre, serán convocadas pola AGASP.

En tanto non conclúe a cobertura desas 45 prazas, o Concello aplicará a partir do vindeiro luns, 1 de abril, tal e como xa avanzou a Alcaldesa, Lara Méndez, unha reorganización temporal e de mínimos dos efectivos da Policía para optimizar o funcionamento do servizo e que poida ser realmente útil á cidadanía.

Os cambios consisten na redistribución dos axentes entre as distintas quendas para equilibralas, e que tres funcionarios que están nas unidades de Patrulla Verde e o Gabinete de Tráfico se incorporan ás quendas porque se prioriza que sempre quede cuberto o servizo de Atestados e que exista un número mínimo de patrullas na rúa operativas por razóns de seguridade cidadá e dos propios policías.

Deste xeito, coa nova distribución garántese que todas as quendas conten cun oficial, que a unidade de Atestados teña dúas persoas sempre ao cargo e que todas as quendas da Policía de Barrio conten con 10 ou 11 axentes. Ademais, refórzase a Unidade Administrativa, sobre todo para as xestións derivadas dos atestados.

Plan Único para o rural

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno tamén aprobou o Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2019, que, cunha dotación económica para o municipio de Lugo próxima aos 566.000€, destinará integramente a melloras no rural. En concreto, grazas a este plan da Deputación, acometeranse 11 obras: 8 de pavimentación e rexeneración de vías, dúas de abastecemento de auga e unha nunha escola rural.

Por outra banda, o Concello vén de solicitar fondos á Xunta a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020 para a mellora de vías nas parroquias de Santa María de Bóveda, San Xoán do Campo e Santo André de Castro por un importe próximo aos 114.000€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com