O Pleno provincial respaldou a moción do BNG en demanda duns servizos ferroviarios do século XXI para a cidadanía das comarcas de Lugo
A proposta, que a formación nacionalista ven defendendo tanto nos foros de representación institucional como no ámbito social, coa campaña “Lugo Quere Tren”, esixe “ao goberno do Estado a modernización completa e urxente da vía entre Lugo-A Coruña, a implantación da conexión directa entre Lugo e Compostela a través do estudo da variante entre Curtis e Ordes de 27 Km, a dotación dos recursos humanos, especialmente maquinistas, necesarios para garantir o servizo tanto nas conexións ferroviarias desde Lugo e desde Monforte, como no antigo FEVE e a ampliación das frecuencias para garantir un servizo de calidade que responda ás necesidades da poboación e fomente o uso do tren coma servizo de proximidade fronte ao uso do vehículo particular”.
Tamén insta á Xunta de Galicia “a demandar a transferencia das competencias en materia ferroviaria para poder desenvolvermos un tren galego de proximidade e a iniciar os traballos e estudos necesarios para a súa planificación e posta en marcha”.
O BNG ten convocada para o venres 28 de outubro unha manifestación en demanda dun ferrocarril digno para Lugo. A manifestación partirá ás 20.15 da Praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno.
Post Views: 0