O Pleno da Deputación aprobou, cos votos do Equipo de Goberno e do deputado Manuel Martínez, a proposta de esixir ao executivo central a paralización do desmantelamento do servizo de Correos na provincia de Lugo.
Con esta proposta, a Deputación de Lugo demanda á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos que restitúa nos Concellos da provincia os servizos suprimidos durante os anos 2013, 2014 e 2015. Tamén reclama á Xunta de Galicia que realice as xestións necesarias ante o Goberno do Estado para recuperar tanto esta prestación como o seu persoal nas mesmas condicións laborais.
Rivera Capon vicevoceiro socialista, lembrou que foi o actual Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o que iniciou o proceso de privatización do servizo de Correos. e advertiu que nos últimos cinco anos destruíronse entre 13.000 e 14.000 postos de traballo en todo o Estado.
En Comarcas coma as da Mariña, Lugo ou a Sarria, estanse a suprimir reparto e persoal en zonas rurais. Ademais reducíronse horarios de apertura en case a totalidade das oficinas, e mesmo se imposibilita o envío de paquetería.
Memoria Histórica
Por outra banda, o Goberno Provincial quere promover, ao longo do ano 2016, o desenvolvemento dun programa de actividades –en colaboración con entidades da Memoria e Concellos- arredor da memoria histórica e da represión franquista. A proposta non contou co apoio dos 12 Deputados do PP, pero foi aprobada polos equipo de Goberno da Deputación e o Deputado non adscrito.
A Deputación de Lugo realizará, coa participación das entidades da Memoria, un estudo da represión na provincia de Lugo para elaborar, con outras institucións e colectivos, un Mapa da Memoria (rede de lugares da represión, resistencia, solidariedade e homenaxe en Galicia).