Esta tarde quedou aprobada a RPT do concello cos votos de CCOO, CSIF, UGT e USTG; a CIG votou en contra.
Tras meses de traballo e semanas de negociacións, o Goberno lugués inicia este martes unha nova etapa no Concello, ao aprobar a nova Relación de Postos de Traballo avalada polo 80% dos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación. O acordo deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno.
Esta nova RPT afecta a case 760 traballadores e traballadoras municipais que deste xeito permitirá melloras organizativas e de funcionamento, distribuíndo o persoal e posibilitando que promocione mediante carreira profesional, entre outros. Ademais, este documento “complexo e vivo”, tal e como o definiu o edil Piñeiro, inclúe un plan de ordenación de recursos humanos, que vai garantir a funcionarización, un concurso de traslados, incentivar a formación dos e das traballadoras ou modernizar a administración.
A aprobación da nova Relación de Postos de Traballo constitúe un dos grandes obxectivos que a Alcaldesa, Lara Méndez, trasladou aos propios representantes dos e das traballadoras tras a súa toma de posesión.
A decisión da CIG de votar en contra da R.P.T. veu dada por distintos factores, segundo informou a central nacionalista. “O primeiro as formas, dado que á Sección Sindical da CIG o documento definitivo foille entregado cunha antelación de 15 minutos á reunión da Mesa Xeral de Negociación”. Outro dos motivos para o voto negativo é que “este documento non inclúa informes de Intervención e Persoal, que nós entendemos que deben de ser perceptivos nunha relación de Postos de Traballo dun Concello”.
E por último, e tamén motivo para o seu voto en contra da aprobación da RPT, foi, segundo a CIG, ”que se aproba un documento que nen tan sequera esta pechado, toda vez que no mesmo non aparece por escrito o Valor Punto”.