O alcalde en funcións, Rubén Arroxo, anunciou durante a rolda de prensa da xunta de goberno de hoxe a aprobación das axudas para libros de texto e material escolar para familias con escasos recursos no segundo ciclo de educación infantil para o curso 2019-2020 e das bases para a concesión de subvencións ás asociacións culturais e persoas xurídico privadas que desenvolvan a súa actividade no eido da cultura.
Arroxo informou que dende a concellería de Educación se repartirán un total de 40.000€ en axudas individuais a persoas que estean empadroadas en Lugo, de 100€ para investir, nas librerías de Lugo, en libros de texto e material escolar para os alumnos e alumnas matriculadas en centros sostidos con fondos públicos. As axudas adxudicaranse aos solicitantes cuxa renda familiar non supere 0.66 veces o IPREM, sendo o único criterio a contía da renda de menor a maior. No caso de non cubrirse todas as solicitudes, continuaranse adxudicando ás beneficiarias cuxa renda familiar anual non supere 0.80 veces o IPREM.
Asemade, dende a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, repartiranse un total de 14.900 € ás asociacións e persoas xurídico privadas que estean constituídas e domiciliadas no concello de Lugo. Entre os criterios para a obtención das axudas teranse en conta as actividades que non utilicen a muller como reclamo ou denigren a súa imaxe, que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, ou que a composición da directiva conte cun 50% de mulleres, ademais do uso do galego na programación da actividade.