Aprobadas as bases para a cesión dos 9 locais comerciais da Tinería

A alcaldesa de Lugo xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou a aprobación esta mañá en Xunta de Goberno extraordinaria das bases que rexerán a convocatoria pública para a cesión dos 9 locais comerciais que o Concello alugou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na Tinería co fin de crear un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus.

“Damos un paso máis para seguir materializando o noso compromiso coa posta en valor e a dinamización social e económica deste barrio emblemático da cidade e do casco histórico, motor do turismo”, subliñou a rexedora, quen destacou neste senso outros proxectos do Goberno na zona intra murallas como a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, o novo modelo de acceso e mobilidade no centro e a reforma do PEPRI.

O viveiro de empresas na Tinería supón, engadiu a Alcaldesa, “revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas”. Esta iniciativa, afirmou a rexedora, “coa conseguimos ademais que inmobles rehabilitados con fondos públicos queden en mans públicas con garantía de continuidade”, é froito “das gañas de xestionar deste Goberno e do noso compromiso coa creación de emprego”.

Despois de aprobar a licitación do ascensor de Fontiñas, do parking do HULA e dos 7 aparcadoiros disuasorios con máis de 200 prazas, “cumprimos un novo compromiso deste Goberno coa veciñanza dende a entrada en vigor dos Orzamentos, hai só pouco máis dun mes, que responde a unha forte demanda social e empresarial”, asegurou a Alcaldesa.

Neste senso, recalcou que será habitual a partir de agora celebrar sesións extraordinarias das xuntas de goberno porque “executar o Orzamento para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e impulsar o desenvolvemento social e económico da cidade é unha prioridade, e, dado que o intento constante da oposición por  bloquear a capacidade investidora do Concello nos levou ata abril para poder ter unhas contas aprobadas, agora utilizaremos todos os instrumentos que a Administración pon á nosa disposición para sacalos adiante no menor tempo posible, como xa fixemos para poder ter presupostos este ano”.

Deste xeito, na Xunta de Goberno extraordinaria desta mañá tamén se aprobou, como avanzara a Alcaldesa, sacar a contratación as obras de acondicionamento de 7 aparcadoiros disuasorios en parcelas municipais que ofrecerán 203 novas prazas gratuítas en distintos puntos da cidade, un proxecto con 350.000€ de orzamento e 5 meses de prazo de execución.

Así mesmo, o Executivo acordou designar o delegado de protección de datos do Concello, unha figura que implanta o Regulamento Xeral de Protección de Datos, e que ten entre as súas funcións informar e asesorar sobre o tratamento de datos persoais, así como a de supervisar o cumprimento desta normativa legal. “De maneira provisional e transitoria, en tanto seguimos traballando para reforzar a plantilla municipal e dado que non podemos incrementar aínda máis a carga de traballo dos servizos municipais, optamos pola contratación externa desta figura, designando
como delegado de protección de datos á empresa Start Up SL”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com