O Pleno provincial aprobou hoxe, por unanimidade, as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2018, o plan económico da Deputación que repartirá 21 millóns de euros entre os 67 concellos da provincia, distribuíndo estes fondos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento de cada un dos municipios lucenses. Isto supón axudas de 500.000 euros nos maiores Concellos, como Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba ou Sarria, e duns 200.000 euros nos máis pequenos, como Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela. O Deputado de Cooperación dos Concellos, Argelio Fernández Queipo destacou que nesta nova edición, o executivo provincial destinou 11 millóns de euros do orzamentos aos que se suman 10 millóns procedentes de remanentes.
Estes fondos son para obras de mellora, emprego, benestar, turismo, deporte e cultura. Os Concellos deberán achegar un mínimo do 50% dos fondos que reciben a novos investimentos, o que supón cando menos 10,5 millóns, así como outros mínimo dun total de 1,8 millóns de euros para manter o Servizo a Domicilio a non dependentes, que hoxe a Deputación presta a 1.800 maiores. Os municipios teñen total autonomía para decidir os fondos que destinan a emprego e ata un 30% dos mesmos para turismo, cultura e deportes. Tamén hai unha liña dun total de 176.000 euros para financiar os 44 Grupos de Protección Civil nos Concellos.
Entre os cambios que se contemplan no regulamento do propio plan, en comparación co ano pasado, atópase a eliminación do tope de gasto que os gobernos tiñan en cultura, deporte e turismo, así como a obriga dos concellos de destinar unha cantidade mínima ao programa de DepuEmprego. Para Xosé Ferreiro, voceiro do BNG, estas modificacións, propostas polos nacionalistas, valeulles ao equipo de goberno o apoio dos dous deputados desta agrupación.
Pola súa banda, e pese ao seu apoio, a voceira popular, Elena Candia, resaltou a minoría dos socialistas na Deputación e lembroulles que o proxecto popular pasa por deixar de ser “unha chequeira para os Concellos” para ter “un orzamento propio” cun proxecto, dixo a voceira Elena Candia, que “faga provincia”. Elena Candia xustificou o voto favorable ao Plan Único tamén en que o Grupo Provincial do Partido Popular solicitou ata en 17 ocasións dende o ano 2011 a aprobación dun plan de colaboración con todos os concellos da provincia co que “se puxese fin á discriminación partidista imperante na Deputación lucense”.
Campos reivindica a “política con maiúsculas”
Ao remate do debate desta cuestión, tomou a palabra o presidente do Executivo, Darío Campos Conde, quen rememorou a súa toma de posesión cando asegurou que “ía facer política con maiúsculas, como sempre fixen dende que ostento algún cargo público, entendendo como tal a capacidade que temos os representantes institucionais para responder ás necesidades dos novos veciños e mellorar polo tanto a súa calidade de vida”.
O presidente insistiu, “creo que isto é o que estou facendo na Deputación. Nestes dous últimos anos, 2016 e 2017, dende este Goberno Provincial achegamos máis de 80 millóns de euros aos máis de 300.000 veciños dos 67 municipios a través de distintas programacións”, con estas cifras facía fincapé Campos en que a Deputación se foi convertendo así na institución que máis “inviste en obra pública, en emprego, en turismo, cultura ou deportes”.
Para Campos Conde, o día de hoxe marca un fito pois a unanimidade na aprobación das bases do Plan Único supoñen “un paso máis” que permitirá achegar 21 millóns de euros aos concellos da provincia “que non serán os únicos fondos que recibirán este ano”. Para rematar, Darío Campos quixo resaltar o “abandono” da Xunta e o Goberno Central hacia Lugo, e fixo un chamamento ás dúas institución para que “tomen nota” e fagan “dunha vez por todas, política con maiúsculas” sen esquecerse de pedir que acheguen fondos públicos “á nosa provincia”.
“Dicirlle ao PP que se preocupen por Lugo e que atenda as constantes reclamacións dos nosos veciños. Que doten á provincia de hemodinámica 24 horas, que fagan as infraestruturas prometidas e melloras nas que temos, ou que retiren o seu proxecto de Lei de Saúde ao que os lucenses dicimos non, porque só supón o desmantelamento da sanidade pública na nosa provincia. O único programa que o PP dende a Xunta de Galicia distribúe de forma obxectiva nos municipios é o PEIM e recortárono en máis de 6 millóns de euros na nosa provincia”, concluiu o presidente.