O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribadeo quedou definitivamente aprobado e consolidado, despois de que o Concello gañase os cinco contenciosos presentados no seu día por outros tantos particulares e empresas contra ese documento. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que se pon así fin a un treito engorroso e que nos vindeiros anos verase como Ribadeo vai cambiando para mellor.
Fernando Suárez explicou que “se ben é certo que foi aprobado administrativamente a finais do 2014, é agora nestas semanas cando podemos dicir que está definitivamente aprobado e consolidado porque dos cinco contenciosos que no seu momento foron presentados contra el, algún plantexaba a caída de todo o planeamento e a consecuente destrución de todo o traballo que tanto tempo e esforzo nos levou”.
O alcalde manifestou, asemade, que o Concello “demostrou diante da xustiza” que os terreos estaban correctamente clasificados. “Foi un treito longo e engorroso, pero cando se queren facer as cousas ben e con humildade finalmente as cousas resultan ben e traen beneficios”, considerou o rexedor.
Suárez Barcia lembrou ademáis que os portavoces de todos os grupos fixeron as súas achegas “honestas e sensatas”, para que isto “poida ser un patrimonio de todos por moitos anos”. Isto, segundo o rexedor, contrasta con outros Concellos que non teñen normas urbanísticas.
O alcalde sinalou que “a diferenza doutras zonas da Mariña, demostramos en Ribadeo que é posible facer as cousas con xeito, combinando o crecemento sostible coa protección da nosa identidade e do noso patrimonio”.