O Pleno da
Deputación de Lugo aprobou este xoves nunha sesión extraordinaria o Plan Único 2020, a través do que os 67 concellos da provincia poderán dispoñer de máis de 10,6M€ para impulsar medidas sociais ante o Covid-19 grazas á decisión do Goberno provincial de adaptar as bases para crear esta nova liña de gasto. En total, o Plan Único inxectará de maneira directa nos municipios lucenses 21,3M€, 300.000 máis que o ano pasado, “un auténtico pulmón de osíxeno para todos os concellos na situación de crise sanitaria e tamén económica que estamos padecendo”, subliñou o Presidente, José Tomé Roca.
O Plan Único 2020 saíu adiante cos votos a favor do euipo de goberno e a abstención do PP nun Pleno telemático, o primeiro na historia da institución que se celebrou por videoconferencia e que, con preto de dúas horas de duración, se desenvolveu con total normalidade.
Ademais de adaptar as bases para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus, entre
as principais novidades do Plan Único 2020 atópase a flexibilización dos prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo a estes fondos.
Gardouse un minuto de silencio en lembranza das persoas falecidas por esta pandemia.
Post Views: 0