Aprobados definitivamente os orzamentos do concello de Lugo para o ano 2016 grazas aos votos dos oito votos dos concelleiros do PSOE e os tres de Lugonovo e pese o voto en contra dos concelleiros do Partido Popular. BNG, ACE e Ciudadanos optaron pola abstención.
Foi nun pleno extraordinario celebrado esta mañá para debater as alegacións presentadas ás contas públicas. O debate centrouse nas reclamacións presentadas polos sindicatos que sinalaban que o actual cadro de persoal do concello non se corresponde coa relación de postos de traballo. Unha situación que se vén arrastrando no concello desde o ano 2006.
Lugonovo decidiu darlle un voto de confianza ao actual grupo de Goberno co compromiso de que esta situación en relación co capítulo de persoal se corrixa no prazo dun ano. O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha, advertiu de que se non se amaña dito desaxuste o ano que vén non respaldarán as contas públicas do Goberno local.
Pola contra, o Partido Popular votou en contra dos orzamentos por entender que os desaxustes no capítulo de persoal amosan que o concello segue funcionando como unha “axencia de colocación” para persoas afíns ao Partido Socialista. Para o voceiro popular, Jaime Castiñeira, non correxir esta situación supón perpetuar as políticas do pasado executadas por José López Orozco e Francisco Fernández Liñares.
BNG, Ciudadanos e ACE optaron pola abstención por entender que bloquear as contas públicas suporía a parálise do concello. Con todo, reclamaron que se solucionen canto antes os desaxustes no capítulo de persoal.
Ao remate do pleno, a alcaldesa Lara Méndez congratulábase de ter aprobado definitivamente os orzamentos para este ano que ascenden a un total de 91 millóns de euros. Méndez agradecía aos grupos e aos técnicos as aportacións realizadas e subliñou o “gran traballo do Goberno local na busca de consensos e acordos con cinco forzas políticas” e tamén o que cualificou como “gran responsabilidade da oposición”.