Aprobados os orzamentos da Deputación cos votos en contra do BNG, que ameaza con rachar o bipartito

Aprobados definitivamente os orzamentos da Deputación de Lugo grazas aos votos dos deputados do PSOE, do PP e do deputado non adscrito, Manuel Martínez.

O BNG votou en contra das contas públicas e ameaza con romper o pacto de Goberno por entender que o acordo acadado entre populares e socialistas para sacar adiante os orzamentos se fixo de forma “seitárea” e ás costas da súa formación. A decisión sobre se os nacionalistas manteñen ou non o acodo cos socialistas tomaraa a dirección formación esta tarde ás catro, trala xuntanza do Consello Nacional do BNG, o seu órgano de decisión.

Para o deputado provincial do bloque, Xosé Ferreiro, romper o pacto de Goberno sería unha “consecuencia razonable” dadas as circunstancias e dada a “perda de confianza” cos socialistas.

Pola súa banda, o presidente da Deputación Darío Campos fala de “día histórico” trala aprobación das contas públicas e lamentou non contar co apoio do BNG. Campos sinalou que estivo negociando cos nacionalistas até o último minuto e salientou que a decisión dunha eventual ruptura do pacto de goberno é decisión do bloque, aínda que a el lle gustaría “seguir contando con eles”.

A voceira do Partido Popular, Elena Candia, tamén falaba de “día histórico para a provincia” e agradecía ao presidente Darío Campos a súa predisposición a chegar a acordos e o feito de ter incluído boa parte das demandas dos populares.

O acordo tamén era celebrado por parte do deputado non adscrito, Manuel Martínez, xa que o texto asegura o financiamento necesario para levar a cabo unha residencia no concello de Becerreá, do que tamén é alcalde.

As contas públicas do ente provincial ascenden a un total de 96,3 millóns de euros. Contemplan uns 5,7 millóns de euros para o Plan de Obras e servizos e uns 3,3 millóns de euros para levar a cabo un plan de emprego nos pequenos concellos da provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com