O Pleno da Corporación provincial aprobou hoxe nunha sesión extraordinaria, e cos votos a favor de PSdeG e BNG e a
abstención do PP, os Orzamentos da Deputación para o ano 2020, uns presupostos de preto de 92 millóns de euros que, segundo destacou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, “plasman o proxecto de provincia do Goberno” e aplican “a mellor política demográfica”, que consiste en “dotar de servizos aos veciños e favorecer a creación e mantemento de emprego sostible e de calidade”.
“Só así se apoia ao rural”, subliñou a Deputada, quen asegurou que o orzamento “é realista e útil porque xorde da visión clara que temos no Goberno provincial das necesidades e das oportunidades que ten a provincia” e porque poderá aplicarse dende o mes de xaneiro.
García Bermúdez destacou, neste senso, que aprobar os presupostos en prazo “é unha obriga cara a veciñanza, sobre todo dos pequenos concellos, nos que boa parte da actividade depende da achega e da colaboración da Deputación. O funcionamento normal da Deputación é tamén a garantía do funcionamento normal dos concellos, e de que os veciños e veciñas seguen percibindo os servizos públicos de calidade ós que teñen dereito”.
A Deputada explicou que para dar resposta ás necesidades e aproveitar as oportunidades da provincia, os Orzamentos do vindeiro ano, que suben preto dun 4% con respecto aos deste 2019, priorizan as políticas sociais, a cooperación cos concellos, a mellora da rede viaria e o impulso dos sectores productivos, nomeadamente o primario e o turístico.
Deste xeito, afirmou, os Orzamentos do 2020 son “profundamente sociais”. Reservan máis de 30 millóns de euros, o que supón o 33% do total, para políticas sociais, dende benestar, igualdade e emprego a cultura, deporte e educación. Con este investimento “suplimos nunha parte moi importante á Administración que ten as competencias nestas materias, a Xunta de Galicia”, indicou Mayra García.
“Intentar que a Xunta faga o menor dano”
Pola súa banda, o voceiro do grupo provincial do BNG, Efrén Castro, subliñou que os orzamentos desta entidade para 2020 son “uns orzamentos para intentar que o goberno da Xunta de Galicia faga o menor dano posible aos cidadáns desta provincia”. O voceiro nacionalista indicou que os recursos da Deputación son imprescindibles para manter o tecido asociativo da provincia tanto no eido deportivo como cultural e contrapuxo as accións de apoio ao deporte e á cultura de base que se desenvolven desde a entidade provincial á política de grandes eventos e anuncios da Xunta de Galicia.
Abstención do PP
A voceira do Provincial Popular, Elena Candia, fixo unha valoración antes de entrar no pleno sobre o proxecto de orzamentos criticando que, a pesar de tratarse do Goberno Provincial con máis recursos, é presentado “tarde, fóra de prazo”. Igualmente incidiu en que “o funcionamento desta institución é moi mellorable”. Nese sentido, explica que “aínda están sen resolver as axudas do ano 2019 a entidades culturais e, as dirixidas a deportistas individuais, aínda foron convocadas cando faltan menos de 30 días laborables para rematar o ano”. Por iso, a popular defende que “temos que esixirlles que traballen máis e mellor”.
Candia puxo en valor a continuidade do Plan Único ao que se chegou “cando houbo un Goberno en minoría, non antes, cando outros tiveron a oportunidade de poñelo en marcha; pero non o fixeron. Salvo isto, poucas cousas positivas podemos dicir deste orzamento“, manifestou.
A popular, aproveitou a entrada no pleno para afear ao presidente da Deputación, José Tomé, que non atendera a petición para a modificación da hora da convocatoria deste pleno para facer posible que os alcaldes da Mariña acudiran á reunión co comité de Alcoa en San Cibrao. Candia fixo fincapé en que a noticia sobre os termos que recolle a publicación da poxa de interrompibilidade é “moi preocupante e negativa. Non temos ningún avance positivo nin esperanzador para a continuidade da planta na nosa comarca”.