A Xunta de Galicia vén de resolver o programa Aprol Rural, que permitirá que 63 concellos da
provincia de Lugo contraten a 101 persoas desempregadas.
Trátase dun programa promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do cal a administración autonómica asume a totalidade dos custes salariais dos novos contratos, que terán unha duración de 9 meses a tempo completo.
Na presente convocatoria a totalidade dos concellos solicitantes reciben a axuda da Xunta que permitirá financiar estas contratacións que se formalizarán nas vindeiras semanas, a través do proceso de selección que realice cada municipio, mediante a presentación previa dunha oferta na oficina pública de emprego.
As novas contratacións dirixiranse á realización de tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios e co control das masas forestais nas denominadas faixas secundarias. A maior parte dos contratos teñen por obxecto a realización de tarefas de acondicionamento forestal, planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión de biomasa.
Como novidade con respecto a anteriores edicións, os concellos rurais de menos de 2000 habitantes poden contratar a persoas que xa foron contratadas por un período igual ou superior a 9 meses con cargo a axudas concedidas no ano 2019