Un total de 138 estudantes de ESO de catro centros educativos da provincia de Lugo participan este curso no programa da Xunta “Apuntámonos a non beber”, que ten por obxecto previr o consumo de alcohol entre os menores de idade, desenvólvese nos Centros Públicos Integrados (CPI) Dr. López Suárez do Saviñao, Nosa Señora da Asunción de Sarria e Luis Díaz Moreno de Baralla, así como no IES Fonmiñá da Pastoriza.
Segundo explicou Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, este programa imparte, ao longo do curso, charlas e intervencións de profesionais do ámbito sanitario dirixidas á mocidade, ao profesorado e ás familias, coa finalidade de previr que os mozos e mozas destas idades tomen alcohol e atrasar o inicio do seu consumo. As próximas xornadas programadas serán o 24 de marzo en Sarria, o 29 na Pastoriza e o 30 en Baralla; O Saviñao xa acolleu unha conferencia a principios deste mes.
Nestas sesións abordan cuestións como a definición de adición, as consecuencias de beber alcohol na saúde, os riscos que implica, as recomendacións da OMS, o problema social que supón, a lexislación vixente en Galicia arredor deste tema, os mitos que existen e o papel das familias á hora de inculcar hábitos de vida saudables.
Así mesmo, cada aula participante elabora un traballo en equipo que consiste na preparación dunha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas ou enerxéticas en calquera soporte (pode ser o deseño dun slogan, unha páxina web, un perfil nalgunha rede social ou ben outras propostas). Ao final, haberá un premio para os tres mellores proxectos.
Enmarcado no Plan Proxecta
Arias explicou que 26 centros de toda Galicia están a participar este ano no programa. Apuntámonos a non beber, que desenvolve a Consellería de Sanidade no marco do Plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
O Plan Proxecta inclúe no curso actual 45 programas educativos diferentes que están en marcha en centros da Comunidade, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.