‘Aquela nena de Sarria…’, mañá na Casa da Cultura

O colectivo Egeria ven de confeccionar, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega, a exposición “Aquela nena de Sarria…” para honrar a Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, e que naceu o 4 de marzo de 1962, polo que mañá cumpriría 59 anos.

Esta mostra será inaugurada mañá xoves, ás 17:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria. Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director.

Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra terá carácter itinerante, visitando en primeiro lugar os centros educativos de Sarria, e logo os dos concellos limítrofes, para despois da Festa das Letras iniciar percorrido polo resto de Lugo e Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com