Se o refraneiro afirma que da árbore caída calquera fai leña, é lóxico atopar paralelismo entre a vella árbore que a morte ronda coa do ser humano que despois dunha madurez triunfante afronta o ocaso en soidade, e entre os depredadores da madeira e os que vilipendian ao que deixou de ser importante.
As Caixas galegas foron entidades estimadas e poderosas, e os seus reitores chegaron a posuír poder recoñecido por todos, superior aos cargos políticos que formaban parte do coro de interesados na súa amizade.
O que Caixa Ourense dicía en Ourense; Caixa Vigo en Vigo, e Caixa Galicia en A Coruña e Lugo, era tido en conta. E a vox populi afirmaba que en Vigo non se movía unha palla sen que Julio Fernández Gayoso non dese o seu placet, do mesmo xeito que A Coruña se rendía a José Luis Méndez López, e cando viña por Lugo era noticia en todos os medios e concitaba presenza de notables.
“Pasou o que pasou”, como un moderno diluvio universal, caeron estrepitosamente aquelas caixas, as súas cabezas visibles procuraron xubilación áurea e pasaron a un ostracismo comparable coa situación das árbores orgullosas arrancadas por un furacán.
José Luis Méndez veuse na precisión de renunciar hai xa máis dunha década ao título de Fillo Predilecto da cidade de A Coruña, e agora o Consello de Ministros ven de retirarlle a Medalla do Mérito ao Traballo a Julio Fernández Gayoso. Poden ter organizado un económico futuro perfecto, pero perderon a aura, a influencia, a amizade, o respecto. Se as institucións non andiveran detrás deles cando triunfaban, non tiñan porque facer agora leña de árbores caídas, xoguetes rotos; millonarios pobres de solemnidade.