Un curtocircuíto ou un braseiro poden ser as causas da orixe do lume nun alpendre situado na Avenida de Pontevedra, no termo municipal lucense de Monterroso.
Así o constataron os servizos de extinción que acudiron ao momento nada máis ser alertados. Segundo indicaron os Bombeiros de Chantada cando chegaron ao lugar, as lapas xa estaban controladas e o lume case sufocado polos membros do GES da localidade, aínda así, colaboraron nas tarefas da retirada de cascallos, unha vez extinguido o lume.
Ardeu o tellado do galpón e, parte del desprendeuse, polo que, por seguridade dos habitantes da casa dao lado, decidiron tiralo. O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 ( CIAE) foi informado do incendio ao fío das 09:45 horas desta mañá, a través dos mesmos efectivos do GES de Monterroso, un veciño alertaballes do suceso. No transcurso da chamada, tamén o dono do galpón pedía axuda ao 112 Galicia. Indicaba que lle estaba ardendo un caseto pegado á vivenda, no que afumaba chourizos. Non había persoas afectadas. A Garda Civil e os efectivos de Protección Civil tamén prestaron a súa colaboración.