Un camión que transportaba botellas de auga ardeu na súa totalidade esta tarde no Corgo, sen que ningunha persoa resultase ferida. O incendio produciuse na LUP-1611, concretamente no punto quilométrico 2.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 17:05 horas a través da alerta dun particular. Indicaba no seu relato que o vehículo ardera por completo e que o lume pasara ao monte.
A partir de aí, dende o CIAE informouse do incendio aos Bombeiros de Sarria e á Garda Civil de Tráfico.
Neste momento, os servizos de emerxencias continúan no punto para retirar da estrada a carga do camión, que aínda non está totalmente apagada.