Arde Lucus!

Hai festas que naceron con sorte, e o Arde Lucus é unha delas, pois con 16 anos de existencia pode compararse co San Froilán, que leva centos de anos acreditado como a cita festeira por excelencia na que se concentra en Lugo toda a provincia.

O certo é que moitos lucenses levaban anos suspirando por unha festa en tempo que a priori prometese que sería moito máis bonancible ca o mes de outubro, e intentos houbo de converter o Corpus na gran festa lucense, pero non houbo nada que facer.

Xeitoso foi facer arredor do Corpus a Semana de Música da capital lucense, que viviu momentos de gloria pero na actualidade xa non lembra vellos esplendores. E as festas do Corpus foron e son brillantes no aspecto relixioso, especialmente a Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia, na infraoctava do Corpus, na Catedral lucense, pero como festa popular seguiu o San Froilán sendo indiscutible, con bo ou mal tempo, evoluíndo a festa exclusivamente e esquecendo o seu carácter inicial de feira, tendo en conta o decaimento do rural en beneficio do urbano que se viviu no decurso do último medio século.

Pero apareceu o Arde Lucus a comezos da pasada década, e collémoslle gusto a facer festa romana, celebrar o pasado lonxano ata chegar ás orixes, e xa que cada pouco aparecen pegadas romanas no sochán da cidade a pouco que se escave, facer como se eses restos romanos influísen no ánimo dos lucenses actuais, e lucenses e forasteiros se sentisen romanos e de romanos vestisen durante tres días nunha cerimonia de lembranza pola ficción.
Vimos de coñecer o programa do próximo Arde Lucus, do venres 30 de xuño ao domingo, dous de xullo, retrasado para non interferir con outras festas, con máis de trescentos actos de espírito romano, que segundo a organización municipal van deixar na cidade beneficios superiores aos doce millóns de euros.

Non sei como fan para estimar os  beneficios económicos que unha festa así proporciona á hostalería, e nunca poderemos coñecelos con exactitude. E haberá lucenses que fuxan de Lugo estes días buscando tranquilidade, pero serán moitos milleiros os foráneos que acudan a Lugo con este motivo. Aquí nos veremos, se é posible verse no medio de tanta xentiña como aquí nos imos xuntar. Que todos gocemos estes días, como romanos!!!

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com