O presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, Esteban Loureiro, presentou hoxe, xunto á titular de cultura do Concello, a VI edición da Feira da Cervexa Artesá de Lugo-Arde Lúpulus, que terá lugar dende este
xoves ata o domingo na Praza Horta do Seminario. Trátase dun evento de balde e organizado pola asociación a través do patrocinio da entidade local, co obxectivo de dar a coñecer este produto elaborado de xeito artesanal e profundizar na cultura que xira en torno a esta bebida.
Ademais, o Arde Lúpulus é unha cita de caracter familiar, que ten como obxetivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e unha ampla programación de música, obradoiros para as e os máis cativos, catas ou charlas, creando así un espazo cultural diferente. Tamén é a cita deste tipo máis consagrada en toda Galicia, tanto a nivel de vendas como de asistentes.
Durante o acto de presentación, no que tamén estiveron presentes outros artesáns, a edil de cultura puxo en valor “aos nosos cervexeiros, que fan cerveza tradicional, esas bodegas que están na nosa cidade e en toda Galicia impulsando o sector emprendedor e dinamizando a actividade económica”.
Pola súa banda, Esteban Loureiro agradeceu o apoio do Concello cunha nova edición do Arde Lúpulus, que nesta ocasión conta con 5 cervexeiros de Lugo, sendo a provincia que máis artesáns ten deste tipo; e que como novidade contará cun espazo de xogos populares de madeira para os máis pequenos, como a rá, pica peixe, a chave
ou aros…
Ao longo destas 4 xornadas poderanse degustar preto de 70 tipos de cervexas artesáns de produtores tanto galegos coma outros chegados de diferentes puntos da península. Concretamente os produtores son os seguintes: Skynet (Ourense), Aloumiña (Lugo), Belecker (Ponferrada), Sorna (Lugo), The one beer (Portonovo), A Cova da Serpe (Lugo), Bubela (Lugo), Silvestres (Pontevedra), Nasa (Pontevedra), Castreña (León), Trisk-Ale ale (Uxes) e Domenicus (Lugo).
A entrada á feira é totalmente gratuíta pero para consumir esta cervexa artesá haberá que mercar o vaso conmemorativo da feira, onde se servirán as cervexas.