A Concelleira de Cultura anunciou este luns as datas da vindeira edición do Arde Lvcvs, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de xuño de 2019; a fin de semana seguinte á Ofrenda do Corpus, referencia que se emprega para fixar no calendario a celebración desta festa de recreación histórica, declarada de Interese Turístico Nacional.
“Unha fin de semana espléndida”. Así definiu a Alcaldesa de Lugo esta edición do Arde Lvcvs, facendo fincapé na boa resposta e acollida do novo emprazamento da Castra de Lvcvs Avgvsti, no corazón verde da cidade, a contorna do Parque de Rosalía de Castro. A rexedora tamén subliñou o “éxito de convocatoria, de participación e de
convivencia do Arde Lvcvs 2018”, unha festa de rúa cun tránsito de persoas constante e continuo. Trátase pois “dun éxito colectivo de toda unha cidade”, destacou a titular do Concello.
Na liña do éxito tamén insistiu a edil de cultura, que quixo enxalzar a integración e a relacións entre todos os colectivos de recreación histórica, dos locais cos nacionais e internacionais. Tanto a Alcaldesa como a Concelleira de Cultura quixeron expresar o seu agradecemento ás asociacións de recreación histórica “polo traballo, esforzo e vistosidade que lle dan á rúa”, así como ao resto das persoas e colectivos que dalgún xeito tomaron parte na organización para que de novo o Arde Lvcvs cumprira coas expectativas. Tamén tiveron palabras e unha especial mención á Policía, en especial á Local, ao servizo de limpeza, de Bombeiros e Protección Civil.