Arde na súa totalidade unha nave de reciclaxe en Vilalba

O 112 Galicia recibiu a alerta deste incendio ás 18:00 horas desta tarde, a través dun particular.

Segundo a información recollida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, a nave de reciclaxe situada no Polígono Industrial Sete Pontes, en Vilalba, ardeu na súa totalidade e, nestes momentos, os servizos de emerxencia protexen outras dúas instalacións lindeiras, na rúa do Acibro, sen que se producisen danos persoais.

Nada máis recibir a alerta dos feitos, desde o 112 Galicia activouse un operativo para atallar o incendio. Os Bombeiros de Vilalba, Barreiros, Eume, Sarria e Lugo acudiron ao lugar, así como os efectivos do GES de Monterroso e de Friol-Palas, o Servizo Municipal de Protección Civil de Vilalba, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, os axentes da Garda Civil e da Policía Local, medios do distrito forestal da zona, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de emerxencias (AXEGA), que enviou un semi remolque de iluminación para colaborar cos medios desprazados. Tamén, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento das autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) para garantir a coordinación entre os organismos mobilizados e facer fronte a esta situación de risco.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com