Os Bombeiros de Monforte de Lemos e os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais interveñen arestora na extinción dun incendio orixinado dentro dunha nave na que están a arder rolos de herba seca, neste termo municipal, concretamente na Estrada do Canal. Segundo a información recollida no 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida nin afectada polo lume nin polo fume.
Foron varias persoas particulares as que contactaron co 112 Galicia para dar conta do incendio ao fío das 16:20 horas e, decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento, ademais, da Policía Local e Nacional, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e, como medida preventiva, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Arde o tellado dunha casa por completo no Incio
Asemade, no Incio, outro incendio calcinou a cuberta superior dunha casa e provocou danos en toda a vivenda. Con todo, non houbo que lamentar danos persoais.
Sucedeu no lugar de Castelo e foi unha persoa que habita na casa quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia uns minutos antes das 16:00 horas. Indicaba na súa chamada que acendera a cheminea e o lume comezou a afectar ao tellado.
A partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso aos Bombeiros de Sarria, á Garda Civil e a Protección Civil da localidade.
O incendio, segundo confirmaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Sarria, quedou extinguido preto das 18:45 horas.