Ardendo

Eu non son de traxes especiais, nin adobíos que vinculen a un conxunto, e hai veces que o sinto, como esta de agora en que algo arde dentro de nós.

Eu coido ser copropietario do “Arde Lucus”, coa parte alícuota da cen milésima parte que ocupo da poboación lucense, podendo – se quixese – revestirme de presunto romano ou castrexo como homenaxe aos lucenses que nos antecederon hai sesenta xeracións. E poder xuntarme, revestido de romanidade, con outros copropietarios e, sendo lexión, deixar patente “urbe et orbe” que ardemos en fervor festeiro e queremos contaxiar especialmente aos madrileños capitalinos que ven pasar por diante todo o turismo do mundo.

Menos mal que non teño traxe, porque se o tivera e gustase de lucilo nos lugares máis visibles, sentiríame frustrado porque o Concello de Lugo me tornase de ir cos compañeiros de patrulla ao lugar máis visible porque resulte que o “Arde Lucus” é do concello pero non dos lucenses.

Unha festa que primeiro foi “de interese turístico galego” para a Xunta, e tendo a Xunta competencias e organización competente para o turismo do País, chirría que polo Concello de Lugo se poñan dificultades para que unha festa lucense, propiedade dos lucenses, teña representación lucense. Porque o concello pode regular desfiles e concentracións na capital e, se me apuran, coas axudas ás asociacións participantes alugarlles o seu traballo e participación na festa. Pero impedir a un continxente guerreiro acudir a unha concentración de exaltación lucense evidencia ciumes ou ardores. E xa se sabe que os ardores nun organismo indican que algo non vai ben; que algo non lle funciona ben.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com