Arelas pídelle ao BNG “garantir os dereitos das persoas trans galegas”

A candidata ao Congreso do BNG por Lugo, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza coa presidenta de Arelas, na que tamén participou a parlamentaria Olalla Rodil. A presidenta do colectivo, Cristina Palacios, demandou “garantir os dereitos das persoas trans galegas especialmente en materia de sanidade”. As representantes do BNG sinalaron a necesidade de “poder trasladar esta necesidade a Madrid, onde se lexisla para todo o estado e onde se toman decisións que nos afectan a todas”. 

Ferreiro sinalou que “dende o BNG traballamos para combater calquera tipo de discriminación por causa da orientación sexual ou identidade de xénero” e comprometeuse a “a defender, no Congreso, a incorporación real e transversal da diversidade na orientación sexual e identidade de xénero na lexislación”. Ademais a candidata do BNG ao Congreso sinalou a necesidade da aprobación dunha lei integral de identidade de xénero e que elimine definitivamente a necesidade de diagnóstico de “disforia de xénero” mediante informes médicos ou psicolóxicos, co fin de acabar coa patoloxización das persoas trans.

Olalla Rodil, pola súa banda explicou a necesidade “dunha prohibición total das denominadas ‘terapias de conversión’ por seren anti-científicas e por atentaren contra a dignidade e a liberdade das persoas LGBT”. A deputada do BNG no Parlamento Galego anunciou que “dende o BNG impulsaremos medidas no Parlamento para garantir os dereitos das persoas trans galegas especialmente en materia de sanidade, recollendo as demandas do colectivo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com