O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, confía en que se poida recuperar o tempo perdido para a estación intermodal unha vez que o Concello de Lugo inicie por fin o expediente para retirar a clasificación como elemento protexido do edificio de Correos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Arias lembra que a Xunta leva anos advertindo ao Goberno local da necesidade ineludible de descatalogar ese edificio, cuxo nivel de protección impide alterar a contorna cunha obra das características da intermodal. O concello resistiuse por activa e por pasiva a atender as indicacións de órganos como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que sempre mantivo que a única vía posible para corrixir o que o Concello considera un erro na cualificación do inmoble pasaba por acometer unha modificación puntual do PXOM que deixe constancia da nova consideración deste elemento.
Arias afirma que a Xunta “xestionará coa máxima prioridade os informes que lle sexan solicitados sobre esta modificación urbanística, porque o noso obxectivo é avanzar neste trámite para despexar o camiño e poder finalmente comezar a materializar o proxecto da intermodal”.
Neste sentido, instou a que se asine canto antes o convenio marco entre a Xunta, o Concello e a Adif, que é o mesmo que posibilitou a posta en marcha das intermodais de Santiago ou de Ourense.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade -lembrou o delegado- recolle nos orzamentos deste ano un investimento de algo máis de 1 millón de euros para o impulso da estación intermodal de Lugo.