O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, considera que os 24 edificios rehabilitados e as 57 vivendas adxudicadas na Tinería nos últimos 12 anos falan por si sos da aposta constante da Xunta por este barrio. Arias Fouz dixo non entender como se pode falar de parálise nesta zona, e considera que o realmente estancado son os argumentos do tenente de alcaldesa.
Unha vez máis, o máximo representante da Xunta en Lugo puxo sobre a mesa os datos do Instituto Galego de Vivenda e Solo demostrando que este proceso de recuperación da Tinería foi sempre un dos continuos compromisos da Xunta. Así, lembrou que desde 2001 se levan investidos máis de 26 millóns de euros na compra, rehabilitación e adxudicación de vivendas, unhas actuacións que comezaron hai vinte anos, e non co goberno bipartito.
Para o delegado territorial a posta en valor desde o ano 2001 de 40 edificios, que posteriormente converteu en 96 vivendas e 23 locais comerciais, son a proba máis palpable do traballo desenvolvido pola Administración galega.
“Este proceso de cambio non para e por iso seguimos avanzando nos proxectos de rehabilitación e posta en valor da Casa da Torre e do Pazo de Doña Urraca”, asegura Javier Arias. No que atinxe á UI-8, precisamente, lembra que o pasado 23 de novembro a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Lara Méndez, asinaron un protocolo de actuación entre a Xunta e o Concello, que inclúe a modificación do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior (Pepri), no que se recolle unha serie de edificacións e a creación dunha praza contigua á Muralla.
De feito, o IGVS ten xa unha proposta sobre a modificación do Pepri para presentar ao Concello. Sinala ao respecto que estaba prevista unha reunión entre o IGVS e o concelleiro Miguel Couto, e agora a idea é que se poida presentar esa proposta ao novo responsable municipal de urbanismo, inmediatamente despois da Semana Santa.
Javier Arias sostén que “se aceptan a proposta, avanzarase na redacción da modificación do Pepri e, paralelamente, tramitarase a licitación da redacción do proxecto de urbanización para gañar tempo”. “Agardamos manter esa boa sintonía co Concello, que será quen teña que executar a expropiación e avanzar no desenvolvemento da UI-8”, engadiu.
As previsións da Xunta pasan pola inversión de máis de 4 millóns de euros para levar a cabo as obras de urbanización da contorna, as de rehabilitación do pazo, e as de recuperación dos inmobles para vivendas de promoción pública, ao carón da futura gran praza. Así, Javier Arias destacou o feito de que a Xunta reduza nun 35% a edificabilidade dos seus terreos para crear ese gran espazo público.
No que atinxe á futura rehabilitación da Casa da Torre, o delegado territorial explicou que “a Xunta e a Concellería de Urbanismo seguen adiante co procedemento, e agora mesmo tanto a licenza como o estudo de detalle están en trámites de aprobación”.
Javier Arias considera que a colaboración institucional é o que permitirá levar adiante estes proxectos e non os constantes ataques gratuítos. “É necesario que cada administración faga a súa parte. Na Tinería, temos dous proxectos importantes e ata de agora houbo unha boa sintonía co Concello para sacar adiante estas dúas iniciativas. Imos seguir ao noso, traballando para crear un barrio máis aberto e dinámico”, conclúe o delegado territorial.
O BNG visibiliza o abandono do barrio
O Portavoz do Grupo Municipal do BNG, Rubén Arroxo saíu ao paso das declaracións emitidas polo Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Lugo ao respecto do barrio da Tinería pedíndolle “que explique á veciñanza que pasea pola Muralla o abandono que se ve ao pasar polo barrio da Tinería“. Arroxo vinculou o abandono deste barrio “á chegada de Feijóo á presidencia da Xunta de Galiza”.
Rubén Arroxo afirmou que que “as persoas que paseen pola Muralla poden ver o abandono de zonas como o Pazo de Dona Urraca ou a excavación dos fornos atopados na UI-7, proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada, e que foron abandonados no ano 2009”. “Trátase de restos arqueolóxicos completamente abandonados que poderían ser grandes atractivos turísticos”, afirmou o edil nacionalista, que engadiu “as veciñas e veciños de Lugo poden comprobar tamén o abandono de moitas casas, que teñen a cartelería da Xunta desde hai décadas, mais que seguen en estado de ruina”.