Arranca en Lugo a VIII Edición de “Cultura e Tradición no Camiño”

Fundación Artesanía de Galicia colabora coa oitava edición do evento Cultura e Tradición no Camiño, que se celebra no adro da Catedral de Lugo entre o día 5  e o 12 de outubro, coincidindo coas festas do San Froilán. En concreto, apoia tres obradoiros gratuítos impartidos por
profesionais de Artesanía de Galicia, que iniciarán ao público nos oficios da cestería de palla, na ourivería compostelá e na cerámica. Estas actividades terán lugar no mesmo horario de apertura do evento, de 11,30 a 14,30 e de 16,30 a 20,00 horas.

Hoxe sábado 5 de outubro, o artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén) – Premio Nacional de Artesanía 2023 – impartirá un obradoiro de cestería de palla; o luns 7, a ourive compostelá Susi Gesto encargarase do obradoiro de xoiería; e o ceramista Antón Román (Gondomar) será o encargado do obradoiro de cerámica que se celebrará o xoves día 10 de outubro.

Na programación inclúese tamén un obradoiro de instrumentos musicais de percusión con Manels Percusións (Ordes), que terá lugar mañá domingo 6 de outubro, así como demostracións de diferentes oficios como a forxa, a cantería, o téxtil, os instrumentos musicais, o encaixe, a cestería, a xoiería, a olería ou o traballo co esparto. Entre os artesáns que farán estas demostracións atópanse profesionais de recoñecido prestixio como Forxa Chago (Santiago de Compostela), Ubedíes (Jaén) ou o propio Leiro, que fará unha demostración de corozas. Tamén diferentes profesionais de Artesanía de Galicia como José Luis Canteiro (Vilalba), Suso Gestal Instrumentos de vento (Frades), Pequeno
tres pesos artesanía (Vilalba) ou a Asociación de Palilleiras Rendas (Camariñas).

O evento complétase coas actuacións musicais de Xisco Feijoó e María Vidal o día 9, e de Suso Vaamonde mañá día 6 -as dúas ás 19,00 horas-, co desfile do Día do Traxe que terá lugar mañá, domingo das mozas, a partir das 11,00 horas na Praza Maior, e mais cunha
Mostra de Indumentaria tradicional e corozas no C.I. do Camiño Primitivo (Rúa do Miño, 10). Toda a programación é gratuíta e non require inscrición previa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com