O curso escolar 2019/2020 arrancou hoxe para o alumnado galego de educación infantil, primaria e especial con 20.316 rapaces e rapazas matriculados en 122 centros educativos da provincia de Lugo, 6.400 deles en infantil; 13.828 en primaria e 88 en educación especial.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañou no primeiro día de clase aos nenos e nenas do CEIP ‘Luis Pimentel’ da capital luguesa, un dos centros da provincia nos que se están a acometer obras de reforma integral.
Tras esta actuación, na que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional inviste preto de 470.000 euros, a comunidade escolar disporá dun colexio “máis moderno, máis eficiente enerxeticamente, moito máis cómodo e totalmente remodelado”, destacou Balseiro.
Entre as novidades deste curso, o delegado lembrou a incorporación progresiva das novas tecnoloxías ás aulas, con 10 novos centros lucenses no proxecto de libro dixital ou E-Dixgal, ata alcanzar os 59 nesta provincia.
Ademais, destacou que a Consellería segue introducindo distintos programas para reforzar a formación do profesorado en diferentes áreas, “como novas tecnoloxías, estratexias de pedagoxía ou idiomas”, ademais de continuar fomentando as competencias en materias como robótica e o ensino plurilingüe -galego, castelán, inglés-, presente en 43 colexios lucenses.
Na xornada de hoxe comezan a funcionar tamén os servizos complementarios de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería.
Reabren as aulas de Negueira de Muñiz
O delegado destacou que as aulas de Negueira de Muñiz reabriron hoxe despois de permanecer pechadas dende o ano 2012 (por falta de alumnado), con cinco nenos e nenas matriculados no centro, unha escola rural asentada no concello menos poboado de Galicia.