Arrancan as Foliadas Guímaras, este venres en Salcedo

A primeira dun ciclo de foliadas organizado polo Concello da Pobra do Brollón e a Escola municipal de Música ‘Samoeiro’ en colaboración coas diferentes asociacións veciñais do Concello chega este venres, día 11, a Salcedo.

A primeira Foliada Guímara terá lugar a partir das 21:00h na Casa da Escola desta parroquia pobrense. Haberá bebidas e pinchos; a música estará a cargo dos asistentes que veñan con ganas de tocar e bailar. Como toda foliada que se preste, a participación é totalmente aberta e libre.

“Estas Foliadas Guímaras xorden coa idea de que os máis de cen alumnos que temos na Escola de Música poidan poñer en práctica o que aprenden nas clases”, comenta Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura. “Por outra banda, con esta iniciativa queremos descentralizar a programación cultural e dinamizar as parroquias aproveitando os locais sociais para unir á comunidade”.

Esta primeira Foliada Guímara inaugurará as clases da Escola municipal de Música, que comezan a semana próxima. O obxectivo ao longo do curso é facer unha foliada mensual en diferentes parroquias da Pobra do Brollón. As datas e lugares de próximas Foliadas Guímaras compartiranse con antelación na web e redes sociais do Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com