O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, supervisaba esta mañá o desenvolvemento dos traballos para acondicionar o parque infantil de Aquilino Iglesias Alvariño. Unha intervención que suporá un investimento municipal de 51. 674’70 euros co que se pretende acadar unha renovación integral deste espazo moi frecuentado pola veciñanza da zona.
“En días anteriores xa se procedeu á retirada do mobiliario antigo, e dende hai unha semana estanse a colocar os novos elementos, atendendo unha demanda cidadá xa comprometida dende hai meses polo goberno local”, explicou o edil.
Álvaro Santos lembrou que “as actuacións inclúen a substitución do valado perimetral e do pavimento de seguridade e tamén se instalará un novo módulo cun circuíto de habilidades con tobogán de torres, unha randeeira vaivén niño, unha casiña de xogos, un balancín e tres saltadores”.
O prazo de execución é de 45 días naturais e o mantemento integral de toda a infraestrutura será de dous anos dende a recepción da área.