A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta mañá o inicio das obras do edificio Impulso Verde, que se levantará na Garaballa. Será o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira autóctona certificada, concretamente da Mariña, e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España deseñado dende cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático.
As obras, que se enmarcan no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á EGOIN S.A. e contan cun prazo de execución de 15 meses, aínda que a construción da estrutura e os cerramentos do edificio “estrarán levantados entre 3 e 4 meses, a metade de tempo que nun edificio de formigón”, destacou Lara Méndez, que lembrou, ademais, a importancia de que a madeira “sexa de Lugo, concretamente da Mariña, o que permitirá tamén darlle un impulso ao sector forestal utilizando a madeira como elemento construtivo das cidades resilientes e sostibles do futuro, en cuxo deseño estamos traballamos desde o Concello”.
A estrutura principal componse de muros de madeira contralaminada e unha estrutura central de alicerces inclinados e vigas de madeira laminada e forxados de madeira contralaminada, xerando fachadas acristaladas mediante armazóns de madeira laminada nas fachadas sur e norte. Ademais, a maior parte da cuberta soluciónase mediante unha estrutura de madeira laminada en forma de Gridshell ou reixa, deseñada polo Campus Terra.