En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.
Foi por iniciativa de MariñaPatrimonio que este xacemento da idade do ferro, coñecido como o Castro do Monte da Arca de Argomoso, acadou a protección oficial, aínda que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro “Los castros y mámoas de Galicia” en 1876. Tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.
Hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites.
Dende ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delito contra o patrimonio cultural tipificados no Código Penal nos artigos 321 a 324. “Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non gobernamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico”.
“O máis grave é que non se trata dun caso illado: son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel como é o caso, polos labores asociados ao monocultivo do eucalipto. Paradoxalmente, moitas destas plantacións de eucaliptos son despois certificadas co selo FSC, que garante un aproveitamento forestal sustentábel”, conclúen.