Arredor de 600 alumnos de ensinanzas artísticas de 11 centros de Galicia, beneficiaranse este curso do modelo plurilingüe da Xunta a través de catro ciclos e unha ducia de seccións bilingües.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e universidades vén de publicar a resolución do PluriArt, programa polo que a Xunta de Galicia implantou por primeira vez no curso 2022/23 o plurilingüismo nas ensinanzas artísticas profesionais de artes plásticas e deseño que se imparten nas escolas de arte e superiores de deseño de Galicia. Ata o momento todos os proxectos optaron polo inglés como lingua estranxeira para o seu desenvolvemento.
Ao abeiro desta resolución, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo incorpora no curso 2023/24 un novo ciclo plurilingüe, en concreto o de grao superior en Fotografía. Súmase ao de Serigrafía de grao medio autorizado o pasado curso, que abre un novo grupo nesta modalidade a partir de setembro.
Deste xeito dáse cumprimento a unha das finalidades da Estratexia galega de linguas estranxeiras -EDUlingüe2030-, que inclúe entre os seus obxectivos estender o plurilingüismo ás ensinanzas de réxime especial, xa implantado con éxito nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.