quioscos públicos

Arroxo: “Abrir os baños públicos é unha decisión política”

O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, informou, tras a celebración da comisión de desenvolvemento económico, da situación na que se atopan neste momento os baños públicos da praza Maior, da Milagrosa e Santo Domingo. “Abrir os baños públicos é unha decisión política que pasa por facer unha nova concesión dos quioscos”, dixo Arroxo e explicou que a anterior concesión extinguiuse “segundo os datos reiterados polo goberno hoxe na comisión” e agora depende do goberno municipal abrir ao público estes baños.

Rubén Arroxo lembrou que fai anos que estes quioscos están pechados e que dende entón “Lugo quedou sen baños públicos nas prazas nas que antes había este servizo público”. Neste momento permanecen pechados os baños públicos que había nas prazas Maior, da Milagrosa e Santo Domingo; ademais tamén están pechados os do parque de Rosalía de Castro. Rubén Arroxo indicou “estamos no verán e entendemos que o goberno municipal ten que buscar unha solución para que, nestas épocas, as persoas que nos visitan e toda a xente que sae á rúa dispoña destes servizos públicos que levan pechados demasiado tempo”.

As dificultades económicas provocaron o peche dos quioscos xestionados por COGAMI a principios do ano 2015 e o Concello, dende aquel momento, non foi capaz de atopar unha solución para a reapertura dos baños públicos. Arroxo lembrou que en marzo do ano 2016 o goberno municipal socialista anunciou publicamente que “estaban a buscar unha solución”. Para o BNG – Asembleas Abertas é o momento de que o concello rescate a concesión para volver a adxudicalos e que a reapertura sexa posible.

Na Praza Maior houbo durante décadas uns urinarios soterrados, que foron definitivamente pechados coincidindo coa apertura dos quioscos dotados de aseos; en virtude daquel acordo municipal, os encargados dos quioscos eran os responsables de manter limpos os servizos. “Trátase dun servizo público básico, e os baños que naquel momento se deseñaran eran accesibles o que supuxo un gran avance” finalizou o nacionalista.

Falta de hixiene nos servizos do Concello

Dende o BNG sinalouse a necesidade de incrementar a limpeza nos baños do edificio do concello na Praza Maior que son únicos servizos públicos dispoñibles na contorna. Os baños do concello son utilizados dende o peche dos servizos públicos da praza e no verán o seu uso incrementase, pero o concello carece de persoal de limpeza durante as mañás o que provoca, en moitas ocasións, que os servizos queden practicamente inutilizables.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com