O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, saíu ao paso das declaracións feitas polo presidente da Federación de Asociacións Veciñais ‘Lucus Augusti’, Jesús Vázquez.
“As inxurias, a través dos medios de comunicación, non impedirán que reciba a Jesús Vázquez”, dixo Rubén Arroxo e engadiu “todo o mundo vai expoñer a súa postura independentemente de que represente a máis ou menos veciñanza, incluso atendemos a persoas a título individual”.
Na súa carta aberta, remitida dende a Asociación ‘Porta de Lugo’ e que se pode ler na nosa sección de opinión, Vázquez “ignora os grupos políticos con representación na corporación local: PSOE, PP e CIDADANS que apoiaron, na Mesa do Transporte, a transformación das liñas de bus e foron democraticamente elixidos e elixidas”.
“Estamos a traballar por Lugo e para mellorar a vida das persoas que viven aquí” dixo Arroxo e sinalou “fixemos a necesaria transformación do bus dentro do contrato existente, coa colaboración de representantes democraticamente electos e electas e agardamos a que pase o verán para ver o seu funcionamento”.
O Tenente Alcalde manifestou que “tamén a opinión do persoal técnico ten un peso importante e a da veciñanza entendemos que está representada polos grupos políticos xa que non debe ser doutra maneira”. “De todos os xeitos estamos cos ouvidos abertos e vixiantes por que entendemos que a remodelación dos buses é complexa” asegurou Arroxo.
“Recibimos a todas as asociacións veciñais que o solicitaron e a Federación non vai ser menos, pese a quen lle pese ”, afirmou Rubén Arroxo que informou, unha vez máis, da recepción á Federación Veciñal. Lamentou que Vázquez “faga da inxuria cara a miña persoa e cara a miña idade a súa principal e única arma. El di representar os intereses de persoas e debería chegar a este a punto con outros argumentos e co liderazgo que se arroga cando fala”.
Ago 18, 2021 - 10:18 PM
Si por favor, tes que recibilo, él mais o exiliado dos Callos, se non se lles da bola mediática en Lugo, as suas vidas poden caer na irrelevancia social.