O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, respostou ás declaracións do Partido Popular sobre as novas liñas de transporte urbano que entrarán en funcionamento o vindeiro día 1. Rubén Arroxo afirmou que “o PP pretende polemizar cun modelo de transporte público que apoiou na Mesa de Transporte Público, onde se acadou o acordo dos catro grupos da corporación”.
O Tenente de Alcalde explicou que “o novo modelo optimiza ao máximo os quilómetros contemplados no contrato de transporte público co que contamos na actualidade”, e engadiu que “para engadir un novo percorrido, habería que suprimir a conexión con outra zona da cidade”.
“O PP pide aumentar as conexións nun punto da cidade, e terá que explicar na Mesa de Transporte a que zona se lle ten que retirar”, afirmou Rubén Arroxo, que lembrou que “as novas liñas conectarán con maiores frecuencias e mellores percorridos todas as zonas da cidade”.
O proxecto está composto por 6 grandes liñas que conectan o eixo Norte-Sur da cidade, a zona onde se atopa a maior parte da veciñanza de Lugo, e que terá unha frecuencia de 10 minutos. Os distintos barrios melloran as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta que hai actualmente a 30 minutos a partir do vindeiro día 2.