Arroxo pídelle á Xunta que centre os esforzos en rematar o Plan Paradai

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lamentou que o goberno da Xunta, e o seu Delegado en Lugo, “non aposten por dar unha solución real aos problemas de Lugo e insistan na propaganda para tratar de tapar os agravios que o PP lle fai a Lugo”. Arroxo criticou que “se volva anunciar un estudo sobre a intermodal, cando realmente non se vai facer nada por que nos orzamentos da Xunta soamente se destinan 52.000 euros para este proxecto”. Rubén Arroxo dirixiuse directamente, unha vez máis, a Balseiro e pídelle que centre os esforzos en rematar o Plan Paradai e “deixe a propaganda da intermodal”.

Arroxo lembrou como PP e PSOE decidiron paralizar o plan Paradai e “deixar a Lugo sen as infraestruturas necesarias” para esta zona da cidade, cando aínda non se remataran. “Outro dos enganos reiterados, tamén por parte do PP e do PSOE, é anunciar unha intermodal para Lugo cando os dous partidos saben que non se vai facer” afirmou o voceiro doBNG que pediu “un pouco de seriedade e respecto”. O voceiro do BNG cualificou como “insulto á intelixencia das persoas que vivimos en Lugo” o anuncio de que a Xunta vai facer un estudo sobre a intermodal.

A praza Conde Fontao, diante da estación do ferrocarril, é a praza máis deteriorada de Lugo e ninguén fixo nada para darlle solución. Neste espazo está prevista a construción dun aparcadoiro “moi necesario para a cidade” dixo o voceiro nacionalista que apostou por que a Xunta actúe coa necesaria responsabilidade. “A prioridade ten que ser recuperar a praza de Conde Fontao e habilitar un aparcadoiro disuasorio a carón da estación do ferrocarril” asegurou Rubén Arroxo e explicou como na xunta de goberno local, celebrada o 17 de setembro de 2014, aprobábase a adenda nº3 do convenio referente ao Plan Paradai, na que o convenio quedaba circunscrito exclusivamente á finalización da Ponte Paradai e cun custe máximo de 3.557.000 €. Coa aceptación desta proposta, feita pola Xunta de Galiza, por parte do goberno municipal socialista de Lugo quedaba enterrado o Plan Paradai.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com