A Deputación de Lugo presentou a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
A área de Cultura ofrece a concellos, asociacións e centros educativos un catálogo de actividades que inclúe representacións teatrais, intervencións artísticas e exposicións, que se sumarán á oferta didáctica dos museos da Rede Museística Provincial.
A Deputada de cultura explicou que “se trata de propostas moi diversas, que se adaptan a diferentes espazos e públicos, que invitan a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como autora cabeceira da literatura galega pero tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultural”.
“Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía e seguir impulsando o carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década”, sinalou a responsablede Cultura.
O 23 de febreiro inaugurarase na Praza de San Marcos a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, unha mostra promovida pola Fundación Rosalía de Castro e comisariada por Pepe Barro que recolle a historia dun logro colectivo como foi a musealización da Casa da Matanza, en Padrón, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.
Trátase dunha exposición exterior artellada arredor dunha estrutura de aluminio encrucillada, que suxire un espazo doméstico, e que recolle, a través de imaxes de gran formato e breves texto, a historia da Casa de Rosalía en seis capítulos.
A mostra permanecerá en San Marcos durante tres semanas e, a finais de marzo, iniciará unha itinerancia que a levará a outras sete localidades.
Ese mesmo día, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas caravel e unha reprodución dun gravado de Antonio Mourín, cun deseño inspirado no poema “Quixente tanto, neniña” de Cantares Galegos. As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos.
A programación da área de Cultura arredor de Rosalía tamén inclúe representacións das obras teatrais “Libre coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico, e “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, que teñen como nexo estaren inspiradas na obra e na figura da autora. A montaxe de Teatro do Atlántico, protagonizada pola actriz María Barcala, bota man de textos de Rosalía de Castro, proxeccións e música de Vadim Yukhnevich, para debullar o pensamento da autora que declara non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa e adopta unha posición de compromiso coa lingua do seu país e de denuncia da traxedia da emigración ou das condicións de vida das mulleres.
“A viaxe de Rosalía” é un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro, representado pola narradora e titiriteira Larraitz Urruzola que, con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, achega ao público á biografía da autora e a parte da súa obra.
O muralismo terá un ano máis o seu lugar nesta programación cultural. Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft, realizarán murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos, atendendo ás peticións de concellos, asociacións e centros escolares. En total, realizaranse nove intervencións artísticas.