As altas médicas volven salvar as cifras da covid unha xornada máis. E é que a provincia experimentou, de novo, unha suba de positivos detectados no día de onte que se achegaron perigosamente á trintena, cifra que non se acadaba na provincia dende finais do mes de maio e iso, nunha xornada anecdótica.
Os gromos activos na provincia aínda non están acotados o que prexudica seriamente ás cifras. Así, segundo informa o SERGAS con datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, a provincia suma un total de 224 casos activos, dous máis que na xornada de onte.
No tocante á presión asistencial, todo continúa igual nos hospitais da provincia. Monforte segue a contar cun só paciente covid ingresado en planta, mentres que o Hula cifra os pacientes covid en 4 persoas, 2 en unidades convencionais de hospitalización e outras 2 na UCI.
Como diciamos o importante freo na suba de casos débese ás altas, que na última xornada, recibiron 24 persoas e que contrarrestou con forza os 28 positivos detectados. E é que Galicia segue sumando casos debido, en parte, ao macro gromo de Mallorca e que xa suma máis de 1000 casos en todo o Estado, e que en Lugo xa rexistra 22 casos relacionados, dos cales 18 son estudantes e os restantes adultos que resultaron contaxios secundarios.
En canto ao gromo de Sarria, dende a área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, informaron onte que nas últimas horas sumábanse 5 casos máis a este gromo; con todo, aseguran que está acotado e os positivos xa estaban identificados como contactos. Doutra banda, informaron tamén dun novo gromo, pequeno e de orixe familiar que, polo momento, suma outros 3 casos tamén no Concello de Sarria .
En canto á vacinación, Galicia acada xa máis do 51% da poboación completamente inmunizada, é dicir, coa pauta de vacinación xa inoculada ao completo. En concreto, o 51,6% da poboación galega xa conta coas dúas doses e superan así o millón 200 seseta mil persoas co proceso finalizado. Doutra banda, segundo informa Sanidade, un 92% dos galegos maiores de 40 anos xa conta con a lo menos unha dose da vacina.
Neste senso, a Consellería de Sanidade vén de informar de que o vindeiro luns, 5 de xullo, activará o sistema de autocita de vacinación para menores de 30 anos así como para a repesca de maiores de 39 que todavía non foran inmunizados. O presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, precisou que se se cumpren as previsións, a vindeira semana, o SERGAS podería rematar coa inmunización dos maiores de 40 anos e comezar con preto de 60 mil doses á poboación de 37 a 39 anos. Asemade, asegurou que nalgunhas áreas, con menos poboación, xa arrancou a vacinación á poboación de entre 30 e 40 anos de idade.