As artistas femininas teñen espazo para o seu traballo, en Lugonovo

Só un 6,1% dos artistas españois representados en ARCO en 2019 foron mulleres. Ademais, os directores de galerías decántanse descaradamente polos artistas homes: un 78% fronte ao 26,5% de creadoras femininas.

Os datos, recollidos pola asociación Mujeres en las Artes Visuales, son, para a coordinadora cultural de Lugonovo, Camino Casabella Pumares, a razón de peso pola que a Plataforma Cidadá porá en marcha a partir deste mes de abril unha programación anual dedicada integramente ás mulleres.

“Con esta iniciativa, non queremos simplemente mellorar a vida cultural lucense. Queremos invertir os roles de xénero, creando unha abundancia de oportunidades para que as mulleres poidan entrar na profesión. En Galicia, onde a taxa de desemprego entre as artistas é alta, atopar a oportunidade de expoñer pode ser crucial para impulsar a carreira de moitas persoas, que algún día poden chegar a dedicarse profesionalmente a isto”, subliñou Camino Casabella durante a presentación na que tamén participaron varias das creadoras.

A proposta de Lugonovo arrancará o día 24 de abril coa colección Unha volta por Lugo, de Bego Pérez. Unha peregrinaxe circular – en palabras da súa propia autora – aos lugares máis emblemáticos da cidade. “Trátase dun percorrido paisaxístico a través dunha serie de fotografías panorámicas polares que abandonan deliberadamente a preprodución exacta das formas sen perder a afinidade coa realidade”, subliñou.

A mostra permanecerá na sede de Lugonovo ate o 17 de maio e dará paso ao proxecto Somos creativos por natureza, de El Bigote De La Gioconda (do 31/05/2019 ao 19/06/2016), capitaneado por Susana López. Licenciada en Belas Artes, Susana recuncou na ensinanza como a forma de transmitir “dende a empatía, a humildade e o amor, valores que, unidos á ferramenta artística, fan un equipo de traballo ideal para unha educación personalizada e libre”.

A continuación será o turno da ilustradora María Mata (do 28/06/2019 ao 25/07/2019), que achegará ao público novas técnicas relacionadas co mundo do papel, empregando este como medio e non como soporte. A Lugonovo, explicou, levará unha obra “moi liviana visualmente polos espazos baleiros que se forman na trama e que permiten efectos de sombras proxectadas que se estenden máis aló do marco”.

Tralo verán, o ciclo retómase coa exposición Gaia, de Llum A. González&Sonia Marpez, unha fusión de fotografía e poesía que enxalza a figura da muller e da natureza dunha forma entrelazada e que se poderá visitar dende o 13 de setembro ata o 3 de outubro.

Pola súa banda, a deseñadora gráfica Verónica López achegará, entre o 15 de outubro e o 8 de novembro, unha perspectiva crítica do papel que a muller vén desenvolvendo na historia da arte a través de carteis de vinilo en vidro e, para rematar este 2019, María Sánchez Castedo encherá a sede de Lugonovo de cerámica creativa.

“Dada a desigualdade de xénero existente neste ámbito, en Lugonovo queremos, coa nosa proposta, traballar para axudar ás mulleres creadoras, asegurándonos de que teñan acceso a un espazo no que poidan expoñer e dar visibilidade á súa obra. Queremos que a cultura sexa para todas e todos e non un reduto para uns poucos; que sexa unha forma de expresión e participación inclusiva e variada, onde todas as persoas se poidan expresar en liberdade e igualdade. Queremos que na cultura se reflexe a pluralidade e a diversidade da sociedade, algo que non sucede actualmente”, concluíu Camino Casabella.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com