A novena edición da Feira Outlet, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de outubro, reunirá a 31 comerciantes lucenses que ofrecerán nos seus stands centos de produtos con descontos que oscilarán entre o 50% e o 80%. Así o presentaron hoxe a presidenta da Asociación de Autónomas e Empresarias de Lugo, Marta López Yáñez, e o
Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas López. que estiveron acompañados pola titular de cultura da Deputación e a edil de Economía do Concello de Lugo.
Marta López destacou a importancia que teñen estas citas para o comercio lucense e agradeceu a todos os colaboradores a súa axuda inestimable para facer posible esta nova edición. En horario partido o xoves 18 (de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas) e continuado o venres e o sábado ( de 11 a 21 horas), a carpa da Feira Outlet acollerá 26 stands de 31 comercios que acollerán dende roupa, calzado, roupa de fogar e complementos ou peletería entre outras moitas cousas. “Produtos bos, de calidade, e, sobre todo de inverno, con ata un 80% de desconto”, aclarou López Yáñez quen resaltou tamén que, por primeira vez, haberá unha maior cantidade de roupa de home que de muller e moita de nenos.
Pola súa banda, a titular provincial de cultura subliñou que a Feira Outlet impulsa a economía local, “pois en anteriores edicións rexistráronse uns beneficios medios de entre 60.000 e 100.000 euros, uns 3.000 euros por comercio durante só tres días”. Datos, que segundo afirmou a deputada, “dan boa conta da repercusión da cita e a boa acollida entre veciños e visitantes da cidade”.