Hoxe tivo lugar o primeiro Pleno do Concello de Lugo logo do de investimento e organización, acontecidos no mes de xuño e xullo. O debate centrouse principalmente nos asuntos que atinguen á zona ORA da cidade, e aos canles axeitados de participación cidadá cos que conta o Concello.
Logo da decisión do executivo municipal días atrás de non deixar participar de forma activa ao colectivo Masa Crítica que defende a normalización do uso da bicicleta nas cidades no Pleno Municipal, debatíronse conxuntamente dúas propostas, unha do BNG, e outra de C’s nas que se instaba ao Concello a fomentar o emprego da bicicleta na cidade, e a poñer todos os medios posibles (carrís-bici, ou a recuperación do aluguer destes vehículos, entre outros), para a adaptabilidade da cidade a este medio de transporte.
O momento clave chegou ao comezo da intervención do nacionalista Rubén Arroxo, que a modo de protesta e xunto aos integrantes do colectivo, tapouse a boca cun esparadrapo, e puxo a grabación no seu micrófono dunha das representantes de Masa Crítica, no que explicaba unha por unha as peticións do colectivo e os problemas que atopan á hora de usar este vehículo como forma de transporte habitual.
A oposición en bloque cualificou de “censura” a decisión do Concello de non deixar participar activamente a este colectivo no Pleno, asunto que o voceiro socialista Miguel Fernández replicou, afirmando que a decisión tomouse en base aos posibles problemas posteriores que poderían xurdir en canto ás demais asociacións que poderían sentirse excluídas nos seguintes plenos, “xa que o pleno non pode acoller a participación de todas aquelas que así o soliciten por unha cuestión organizativa no propio funcionamento dos propios plenos municipais”. Finalmente ás dúas propostas foron aprobadas.
Outra das cuestións que máis debate suscitou, foi a do novo borrador da zona ORA do goberno socialista, do que tanto Cidadáns, como PP, BNG, ACE ou Lugonovo afirmaron non recibir directamente do executivo municipal, e acusaron ao equipo de Méndez de informar antes aos medios de comunicación que á propia oposición.
Todos solicitaron ao Concello un informe técnico que avale as medidas tomadas nese borrador, e instaron á Alcaldesa, Lara Méndez, a facer este servizo gratuíto como sucede en cidades como Ferrol e Pontevedra, ademais de esixir que se teña en conta aos empregados da empresa que levaba ata agora a xestión da ORA na cidade. A concelleira de Economía, Ana Prieto, sinalou que a posibilidade de subrogación dos traballadores da ORA é algo que xa se contempla no borrador.
Aprobouse tamén por unanimidade a declaración institucional do Concello en apoio do sector lácteo galego, no que se insta á Xunta de Galicia e Goberno Central “para que tomen medidas que garantan a recollida do leite por parte da industria e a instauración autonómica da figura do mediador, que vixíe de xeito directo o cumprimento e igualdade de trato dos contratos asinados entre produtor e industria, asi como medidas estructurais para a viabilidade do sector”.