As causas do acoso escolar en ‘Un pequeno mundo’

Estreada no festival de Cannes do ano pasado, a película de Laura Wandel provocou grande controversia na súa mirada contundente e sen concesións as violencias subterráneas que se producen nas clases e nos patios das escolas.

Unha das películas de estrea de Codex Cinema mostra un dos grandes problemas do mundo moderno: as dificultades para desentrañar as causas e as motivacións do acoso escolar. A facilidade coa que, de maneira moitas veces inesperada e involuntaria, a personalidade dun neno queda completamente reducido debido á marxinación, as burlas, aparentemente inocentes, do resto dos seus compañeiros. Un pequeno mundo fala tamén da incomunicación, da dificultade para expresar os medos e as debilidades tanto dos nenos como dos adultos.

A directora, Laura Wandel, segue de maneira obsesiva o punto de vista dos dous nenos protagonistas, a pequena Nora, testemuña das burlas e as pequenas violencias das que é vítima o seu irmán, sen que os profesores nin os seus pais sexan conscientes. O filme fala das escolas, pero tamén do fogar, como forma de perpetuar os tópicos sobre os nenos e nenas, e a forma de solucionar as dificultades. Un traballo exemplar e didáctico que foi enormemente recoñecido polo seu valor pedagóxico e que se estrea este venres en Codex despois de que a película fose elixida para representar a Bélxica nos Oscar, aínda que finalmente non pasou o corte das cinco candidatas ao premio a mellor película internacional.

A outra estrea da semana é As ilusións perdidas, a fastuosa e desbordante adaptación cinematográfica que o director galo Xavier Giannoli fixo dunha das obras fundamentais dun dos máis grandes escritores de todos os tempos, Honoré de Balzac. Se ben era imposible adaptar con toda a fidelidade esta obra maxistral, Giannoli sabe extraer as historias máis imprescindibles e a través delas transportar o estilo tan característico de Balzac á pantalla. Así, estamos ante unha película cunha riqueza de matices impresionante, una gran reconstrución de época chea de personaxes e lugares, da exuberancia popular do París do século XIX, tratando unha historia moi común do escritor francés: a toma de conciencia dun home, en principio inocente e soñador, da corrupción e das relacións de poder do mundo que lle rodea.

Esta produción francesa conta cun reparto cheo de estrelas do país veciño, como Cecile de France, Jeanne Balibar, Xavier Dolan e tamén o xenial e polémico Gerard Depardieu nun papel secundario. Giannoli consegue ao mesmo tempo unha reconstrución primorosa da Francia do XIX ao tempo que unha película que de forma moi habilidosa e manténdose fiel a Balzac pode falar tamén das relacións sociais e políticas do noso tempo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com