O primeiro Seminario de Intercambio de Experiencias (SIE) no ámbito do Turismo do Eixo Atlántico desenvolveuse hoxe no Parador de Monforte de Lemos. Organizado polo Eixo Atlántico e Deputación de Lugo, o Seminario abordou o sector do turismo desde diferentes perspectivas coa partipación de expertos de diferentes cidades tanto galegas como portuguesas, ademais dun representante do concello de Barcelona.
O acto inaugural contou coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o alcalde de Monforte, José Tome e Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo. Baixo o epígrafe das consecuencias da sobre-explotación do turismo achegaron os seus coñecementos Camen Pardo, consultora do Eixo Atlántico e ex-secretaria xeral de Turismo da Xunta de Galicia; Sergi Marí Ons, xerente da entidade Empresa e Turismo de Barcelona; Flavia Ramil, xerente da Empresa Municipal de Turismo de Santiago de Compostela e Ricardo Valente, vereador de Turismo do Porto.
Durante a súa intervención, Carmen Pardo analizou as consecuencias da sobre-explotación nos destinos, sen esquecer a xeración de riqueza e emprego que o turismo supón para os territorios. Á marxe de medidas como o establecemento de máximos de afluencias, taxas e cobros, as súas recomendacións articúlase en torno á sensibilización da poboación co sector, estratexias de maior estancia e maior gasto, non necesariamente maior volume de turistas; a loita contra a potencial pérdida de autencidade ou a necesaria toma de decisións en base a datos.
Desta primeira mesa expositiva hai que salientar a coincidencia dos representantes das tres cidades participantes na necesidade de descentralizar o turismo de determinadas zonas do territorio para diminuír a presión neses ámbitos e dispersala cara a outros lugares onde tamén o turista se poida sentir máis cómodo. Marta Cabanas Cal, responsable do Departamento de Análise e Estratexia Europea do Eixo Atlántico, pola súa banda, explicou as “estratexias internacionais do ámbito do turismo” cunha ponencia sobre os proxectos europeos Destino Frontera e Epicah, actualmente en marcha, dirixidos a posicionar a fronteira como destino turístico.
Experiencias innovadoras
Na última mesa abordáronse as experiencias innovadoras das cidades do Eixo Atlántico. Así, José Maria Magalhães, de Vila Real, fixo unha exposición sobre o turismo deportivo, explicando o impacto que o Campionato Mundial de Turismos (WTCC) tivo neste municipio. Nuno Rodrigues, de Barcelos, explicou o traballo feito por Barcelos para posicionarse como destino creativo ata chegar a ser nomeada cidade creativa da Unesco no ámbito da artes e os oficios tradicionais. Pola súa banda, Mario Duarte, de Vila Nova de Gaia, detallou os traballos feitos por Vila Nova de Gaia para aumentar o tempo de permanencia dos turistas e desconxestionar o centro historico por medio da promocion da súa franxa maritima e das súas praias.
Por último, Eduardo Vidal, da Deputación de Lugo, presentou as liñas máis innovadoras do seu plano estratéxico e os obxectivos marcados a curto, medio e longo prazo.