As Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra propoñen á Xunta a xestión directa dos parques de bombeiros

Os máximos responsables das Deputacións de Lugo, Darío Campos, A Coruña, Valentín González, e Pontevedra, Carmela Silva, propuxeron este martes á Xunta de Galicia estudar a xestión directa dos parques de bombeiros e ampliar o mapa de emerxencias para acadar o 100% da cobertura. Fixérono nun encontro co Vicepresidente, Alfonso Rueda, no que tamén participou o Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Os Presidentes das Deputacións luguesa, coruñesa e pontevedresa defenderon a necesidade de elaborar informes sobre os custos e a situación do persoal dos parques de bombeiros para, en base a ditos estudos, avaliar con datos obxectivos a posibilidade de cambiar o modelo de xestión actual dos parques dos Consorcios Provinciais de bombeiros. “Como socialistas, é a nosa responsabilidade estudar, tanto dende o punto de visto xurídico como económico, se é viable recuperar o modelo de xestión pública das instalacións contraincendios”, destacou González Formoso.

Os tres Presidentes socialistas expuxeron ao Vicepresidente da Xunta a necesidade de que se analice, con seriedade e en profundidade, a xestión directa dos parques de bombeiros dos Consorcios Provinciais, xestionados por Deputacións e Xunta, “pois nós defendemos os servizos públicos”.

Os tres mandatarios sinalaron que todo o que ten que ver co Consorcio de Incendios e de Salvamento é unha cuestión de interese xeral, así como un servizo público básico. Así mesmo, defenderon que a xestión directa é a máis axeitada, e se ben “é certo que nos atopamos nunha situación na que se está prestando ese servizo a través da xestión indirecta e, aínda que todos valoramos que é positivo, tamén cremos que é mellorable”. O propio Vicepresidente asumíu que o funcionamento podía ser mellor, segundo declararon.

Neste senso, González e Campos salientaron que “os socialistas defendemos que a xestión directa é a máis axeitada para os servizos públicos desta entidade. O Vicepresidente da Xunta espuxo que non se nega á posibilidade da xestión directa, que é o que nós lle propuxemos, sempre que o seu custo non fose superior ao da xestión indirecta. Por iso, lle trasladamos a necesidade de que todas as administracións fagamos uns estudos detallados, non só sobre o prezo, senón tamén sobre o que isto significaría para o persoal que traballa nos parques de bombeiros”.

Os responsables de cada unha das administracións implicadas (as 4 Deputacións e a Xunta de Galicia) acordaron a realización de informes xurídicos e económicos para avaliar, “con seriedade e rigor, pois é fundamental á hora de tomar unha decisión final, a nosa proposta de cambio de modelo na xestión dos parques de bombeiros na defensa do público”, remarcaron. No prazo aproximado dun mes, haberá unha nova reunión para pór en común os primeiros estudos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com