Xornada de resaca electoral e, como vén sendo habitual, toca facer balance nos diferentes partidos e valorar a resposta da sociedade aos diferentes actos e ás diferentes políticas levadas a cabo nestes últimos meses.
A participación, como era de esperar, descendeu en case 6 puntos situándose nun 69,88%; fronte ao case histórico 75,75% das eleccións de abril. Unha caída que, segundo a alcaldesa da cidade de Lugo, a socialista Lara Méndez, afectou á esquerda de maneira significativa. Unha esquerda que viu como, na provincia, perdeu máis de 10.000 votos en conxunto.
Así, fronte a caída das esquerdas (PSOE e En Común-Unidas Podemos), atópase unha dereita que se mantén pero que cambiou a tendencia (perdendo numerosos apoios Cs e aumentando, en gran mediada, VOX).
Ante esta nova realidade política que, a nivel estatal, complica aínda máis a formación de gobernos, son moitos os partidos que valoran esta situación e, mentres uns congratúlanse dos bos resultados recibidos na provincia, outros felicitan aos gañadores.
Deste xeito, dende o Partido Popular, valoraban moi positivamente os resultados acadados na provincia de Lugo, vendo unha recuperación dende a caída experimentada no pasado mes de abril. Así, a presidenta provincial dos Populares, Elena Candia, aseguraba onte, tras coñecer os resultados, que “Lugo non falla ao PP”. E así parece que é despois de que Lugo sexa a cidade con máis porcentaxe de votos a este partido en toda Galicia, consecuencia, segundo o voceiro municipal do Partido, Ramón Carballo, dunha “perda de confianza do electorado lucense no PSOE, o que marca un cambio de tendencia” consolidándose nas mesas do rural.
Asemade, o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou hoxe que estes resultados significan que “as cousas estanse facendo ben” dende o seu partido. Balseiro, ao igual que os seus compañeiros de partido, agradeceu a todos os votantes o seu apoio e afirmou que, do 10N, só se pode sacar unha conclusión: “o único líder que existe con peso específico, con solidez e credibilidade é o presidente Feijóo”.
Pero se os populares vén unha clara vitoria do seu partido na provincia, os socialistas non se quedan atrás e só poden afirmar que o PSOE “volveu gañar as eleccións a nivel estatal por terceira vez consecutiva” o que, segundo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, demostra que “en momentos de dificultade e de fragmentación (…) a forza máis votada, o partido que a xente quere que lidere este goberno é un partido de esquerdas e progresista”.
Neste mesmo eido falaba a Secretaria Xeral do Partido na provincia, Patricia Otero, quen tivo grandes palabras de agradecemento non só aos votantes senón tamén a todos os “axentes electorais: interventores e aporados”. Otero asegurou que este apoio vaise ver recompensado polos socialistas “impulsando proxectos e iniciativas que contribúan a mellorar a vida dos lucenses”.
En canto á perda de votos, os socialistas botan a culpa á baixada de participación que “eso é o que afecta á esquerda; a dereita retroaliméntase a si mesma: o que baixa por un lado, sube por outro, sempre manteñen unha cuota”, afirmou Méndez López.
Quen tamén baixou apoios en gran medida foi Cidadáns. A formación laranxa perdeu máis de 12.000 apoios. Pese a todo, o cabeza de lista para reprensetar á provincia no Congreso, José Manuel Blanco, aclarou que “1 de cada 3 votantes que colleu a papeleta de Cs en abril, volveuna coller onte”, unha “confianza” que agradecen dende a formación de Albert Rivera, que dimitiu esta mañá tras os resultados obtidos a nivel estatal. De todos os xeitos, Blanco aseguraba que, pese a todo, Cs continua cun “proxecto firme, que avanza cara o progreso, de centro, reformista e honesto”.