A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) para coordinar os dispositivos das forzas e corpos de seguridade en cumprimento das novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia. A xuntanza, celebrada a última hora da mañá na Subdelegación do Goberno, contou coa participación dos responsables da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta.
Na reunión, tratouse dos axustes que se farán nos dispositivos de vixilancia e control para velar polo cumprimento das novas restricións sanitarias que vén de establecer a Xunta, ademais de analizar os datos do traballo de realizado na última semana. Así, acordouse reorientar os dispositivos para adaptarse ás novas medidas, reforzando os operativos destinados a evitar aglomeracións e reunións de persoas, con especial control sobre a mobilidade e para que non se produzan concentracións de cidadáns en centros comerciais e as súas contornas, de acordo coa liña de traballo marcada pola Delegación do Goberno na reunión que celebrou onte o Centro de Coordinación (CECOR) Autonómico. Tamén se fará especial incidencia nas restricións á mobilidade, con dispositivos dinámicos de tráfico nas vías de maior densidade circulatoria.
Isabel Rodríguez pediulle á cidadanía o seguimento de todas as indicacións dadas polas autoridades sanitarias e que se limite a mobilidade ao estritamente imprescindible.
A subdelegada tamén eloxiou o extraordinario esforzo que levan realizando de xeito continuado, desde o pasado mes de marzo, as forzas de seguridade e destacou que Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local traballan de xeito coordinado para velar polo cumprimento das normas sanitarias na provincia, garantindo así a seguridade e a saúde dos lucenses.
Este labor reflictese nos datos do traballo que se desenvolveu nas últimas semanas, xa que desde o día 21 de decembro ata onte, 14 de xaneiro a Garda Civil e a Policía Nacional despregaron na provincia 1.750 dispositivos de seguridade coa finalidade de velar polo cumprimento da normativa establecida polas autoridades sanitarias.
A subdelegada detallou que, como consecuencia do labor que realizaron estes dispositivos nestas semanas foron controlados na provincia 22.238 vehículos, identificáronse 26,629 cidadáns, realizáronse 705 propostas de sanción e foron detidas 9 persoas.