A terceira edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na aldea, comezou hoxe en Negueira de Muñiz, onde as fragas foron as protagonistas nesta primeira xornada e nas que interviñeron: o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC Serafín González Prieto, que abordou a problemática dos lumes forestais, María Melero, responsable do Programa Bosques, de WWF Adena, que tratou os retos de presente e futuro destes espazos naturais e o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira falou da presenza da temática natural na obra da autora de “Follas Novas”.
A xornada de mañá sábado, centrarase en figuras pioneiras ou historicamente relevantes no estudo, conservación e divulgación da biodiversidade a nivel mundial como o cartógrafo Félix de Azara, pioneiro en documentar a biodiversidade de América do Sur; o científico Charles Darwin, que teorizou sobre a evolución das especies e a selección natural; o xeógrafo, naturista e explorador Alexander Von Humboldt, pioneiro do pensamento ecolóxico; o naturalista Carlos Linneo, que desenvolveu a nomenclatura científica de animais e plantas ou a entomóloga e ilustradora María Sybilla Merian. O programa inclúe tamén mesas redondas sobre divulgación científica e comunicación de temáticas relacionadas co rural e a conservación medioambiental.
O domingo está prevista unha xornada de portas abertas con paseos guiados polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, inaugurado nas xornadas do ano pasado, e polo nomeado como “Souto de Humboldt”, un bosque de castiñeiros centenarios na contorna do ecomuseo de El País del Abeyeiro que a Asociación Corripa está a poñer en valor como espazo de biodiversidade e memoria con ilustracións de David Despau.